Grao en Lingua e Literatura Galegas
Permanent URI for this collectionhttps://hdl.handle.net/10347/11480
Browse
Recent Submissions
Now showing 1 - 20 of 51
Item type: Item , Análise do cambio lingüístico en tempo aparente no val de Camba.(2025) Vence Muras, Iria; Universidade de Santiago de Compostela. Facultade de Filoloxía; Regueira Fernández, Xosé LuísEste traballo ten como obxectivo o estudo do cambio lingüístico e variación en tempo aparente no val de Camba (Rodeiro). Trátase dun territorio ben delimitado a nivel xeográfico, situado na provincia de Pontevedra, nunha zona limítrofe coa provincia de Lugo e próxima á de Ourense. No estudo seleccionaremos un grupo de fenómenos do ámbito da fonética, como son a gheada e o rotacismo; da morfoloxía, como o emprego do demostrativo iste, ise, aquil, especialmente interesante por tratarse dunha área fronteiriza para este fenómeno, característico da área lucu-auriense, en terminoloxía de Fernández Rei (1991), e na formación do plural dos substantivos procedentes das terminacións latinas -ĀNĒS, -ŌNĒS. A maiores, a nivel de léxico, realízase unha análise dos castelanismos, introducidos na fala espontánea de maneira moi frecuente. Elixiuse esta área xeográfica por tratarse dunha zona situada entre a área lucu-auriense e a área central de transición, nun territorio que atravesan diferentes isoglosas e cunha vinculación persoal por ser o lugar de orixe da miña familia. A nivel metodolóxico pártese dun corpus de textos orais obtido mediante entrevistas parcialmente dirixidas e preguntas sobre imaxes, que buscan a pronuncia de determinadas palabras, en contextos proclives ao emprego do rotacismo ou da gheada. Aínda así, o corpus compleméntase coa conversa fluída e espontánea. Os resultados centraranse en identificar os cambios que se producen entre os membros de dúas xeracións de falantes, o grupo G1 cunha media de idade de 70 anos e o G2 de 24 anos. Nesta parte do traballo utilizarase a metodoloxía da sociolingüística variacionista, con métodos cuantitativos para valorar o grao de variación e de cambio entre ambos os grupos. Por outra parte, tamén se abordará un estudo cualitativo sobre a percepción que teñen os falantes destes fenómenos de variación e de mudanza, tendo en conta factores como a idade, sexo, formación e lugar de residencia.Item type: Item , Disidencia, sexualidade e xénero na narrativa galega contemporánea: María Xosé Queizán, Teresa Moure, María Reimóndez e Nee Barros(2025) Rodríguez Valcárcel, María; Universidade de Santiago de Compostela. Facultade de Filoloxía; Nogueira Pereira, María XesúsO presente traballo de investigaciónten como finalidade analizar as representacións da disidencia sexual e de xénero nunha escolma de obras narrativas da literatura galega, publicadas dende os anos oitenta ata os nosos días. O corpus do estudo está constituído polas obras Amantia, de María Xosé Queizán, Herba Moura, de Teresa Moure, Pirata, de María Reimondez e Nom estamos quebrades, de Nee Barros. A través dunha análise crítica e comparativa, abordaranse personaxes, discursos e conflitos (entre outras cuestións) que configuran as diversas representacións das ditas disidencias nestas novelas. Deste xeito, exploranse temas como a homosexualidade, a subversión de roles de xénero, a bisexualidade ou a ruptura co binarismo de xénero, entre outros. Ademais, atenderase sempre ao contexto sociocultural e histórico no que estas obras están inseridas, a fin de comprender as interseccións entre a producción literaria e as dinámicas sociais que atravesan as cuestións da identidade, a sexualidade e o xénero. Esta análise desenvolverase a través dun enfoque interdisciplinar, integrado as achegas da crítica literaria feminista e queer, así como tamén dos estudos de xénero. Desta maneira, a investigación procurará evidenciar a relevancia de obras destas características para a configuración dun imaxinario plural e inclusivo na literatura galega.Item type: Item , Un achegamento á variación lingüística nos concellos de Tui e Tomiño: as variantes relacionadas co seseo(2025) Vizoso González, Olalla; Universidade de Santiago de Compostela. Facultade de Filoloxía; Sousa Fernández, XulioEste traballo ten como obxectivo o estudo da variación lingüística existente en distintas localizacións dos concellos baixomiñotos de Tui e Tomiño, centrando a atención nas variables relacionadas co seseo. Con este fin realizaremos unha descrición e unha análise que terán en conta tanto a frecuencia das distintas variantes como as localizacións estudadas. Idealmente, isto permitiranos delimitar, dentro da área estudada, as zonas de ocorrencia das variantes nas distintas distribucións consideradas. Para poder levar a cabo esta investigación, partiremos dun corpus de lingua oral, que será recollido a través de entrevistas gravadas, que terán carácter semidirixido, a persoas galegofalantes dos distintos puntos seleccionados, todos eles dunha mesma faixa de idade.Item type: Item , Variación na expresión do futuro en galego a través de textos narrativos modernos(2025) Rodríguez Domínguez, Ana; Universidade de Santiago de Compostela. Facultade de Filoloxía; Sousa Fernández, XulioNalgunhas variedades romances, como o español de América, estase a producir un notable avance no proceso de substitución do futuro morfolóxico (-rei) pola forma perifrástica ir (a) + infinitivo para a expresión dos valores temporais de futuridade (Bermúdez, 2016). En galego, os estudos existentes (Meier, 1974; Rojo, 1974; López Martínez, 2012), aínda que apuntan cara ao mantemento do valor de prospección en ámbalas dúas formas, tamén amosan, con certas diferenzas, un aumento na frecuencia de uso do futuro analítico en detrimento do sintético. O traballo ten como obxectivo analizar os valores e a distribución do futuro morfolóxico e da construción ir + infinitivo nunha selección de textos narrativos escritos do século XXI. Á fin de dar conta dos factores que poden determinar a escolla dunha ou doutra forma cando estas se atopan en situación de alternancia, examinaranse os seus usos atendendo a unha selección de variables que resultaron relevantes en estudos previos (Bauhr, 1989; Sedano 1994, 2006; López Martínez, 2012): a distancia temporal, a persoa gramatical do verbo, o tipo de oración e a modalidade. Para a obtención de datos, empregarase o Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA), que permite a recuperación automática das formas propostas para o estudo, de acordo coa tipoloxía textual e o período cronolóxico establecidos. Preténdese, deste xeito, comprobar se a expresión de futuridade no galego segue ou non as tendencias de cambio lingüístico iniciadas noutras variedades, así como examinar a incidencia das variables na escolla de cada unha das formasItem type: Item , Novos retos sistémicos: na procura doutros públicos desde o canon da LIX(2025) Rivas Cantelar, Noela; Universidade de Santiago de Compostela. Facultade de Filoloxía; Vilavedra Fernández, DoloresO presente traballo busca estudar e sistematizar, a través da análise de tres obras narrativas, o fenómeno de migración de tres autores canónicos da Literatura Infantil e Xuvenil Galega (LIX), Xabier P. Docampo, Agustín Fernández Paz e Fina Casalderrey, cara á narrativa para público adulto a partir da segunda década do século XXI. Desenvólvese unha achega expositiva á traxectoria literaria de cada un destes autores no eido da LIX, contextualizada no marco socio-político e cultural da Galicia dos anos noventa e da primeira década dos anos dous mil. Así mesmo, preséntase unha análise pormenorizada das tres obras seleccionadas, A viaxe de Gagarin (2014); de Agustín Fernández Paz; A nena do abrigo de astracán (2017), de Xabier P. Docampo e A muller xabaril (2023), de Fina Casalderrey, atendendo particularmente aos aspectos técnico-temáticos comúns e á recepción das novelas por parte da crítica e do público lector. Ofrécese, a propósito das obras estudadas, unha relación dos parámetros sistémico-literarios que subxacen na decisión de aposta pola literatura para adultos de tres autores da denominada Xeración Lamote, así como dos cambios socio-culturais e económicos que influíron no cambio dos seus proxectos narrativos.Item type: Item , A perspectiva esquecida: o feminismo na configuración do canon na “Nova Narrativa Galega”(2024-05-06) Collazo Rial, Xiana; Universidade de Santiago de Compostela. Departamento de Filoloxía Galega; Universidade de Santiago de Compostela. Facultade de Filoloxía; García Martínez, PabloEste traballo de fin de grao busca analizar a relevancia da perspectiva feminista nos procesos de configuración do canon, aplicado ao contexto dos debates literarios que a "Nova Narrativa Galega" (NNG) suscitou nos anos 80 e 90. A investigación levada a cabo neste traballo ten unha dobre intención. Por unha banda, analizar os debates literarios da NNG nos 80 e 90 co obxectivo de sinalar que o canon, como o construto social que é, pode ser cuestionado e revisado. Pola outra, búscase estudar a relevancia da perspectiva de xénero na construción do canon literario e como esa perspectiva estivo ausente nos debates literarios da NNG, quedando relegadas a espazos marxinais as escasas reflexións feministas que se fixeron. Este traballo atópase estruturado en dous bloques de contido. No primeiro bloque faise un repaso histórico por algunhas das obras que constituíron o debate literario arredor da "Nova Narrativa Galega" (dende a tesiña de Camino Noia do 1968 até as publicacións dos anos 80 e 90). No segundo reflexiónase sobre a ausencia da perspectiva de xénero nestes debates de configuración do canon e sobre como as escasas reflexións feministas quedaron relegadas á marxinalidade. Ademais, tamén se afonda nas dificultades para ser narradora (materiais e sociais), nas limitacións do modelo rosaliano e na figura de María Xosé Queizán. Así mesmo, tamén se teñen en conta as novas correntes feministas que están agromando na actualidade.Item type: Item , “¿Pero na oralidade? ¡bueno, ho! ¡que el cuerpo varía!”. Ideoloxías lingüísticas e (des)estandarización en galego(2024-05-06) López Besteiro, Alicia; Universidade de Santiago de Compostela. Departamento de Filoloxía Galega; Universidade de Santiago de Compostela. Facultade de Filoloxía; Regueira Fernández, Xosé LuísA ideoloxía lingüística con máis forza nas actuais sociedades occidentais é a ideoloxía do estándar (Milroy & Milroy, 1991; Gal, 2006, 2018): a crenza de que hai unha única forma correcta de falar e de que unha sociedade para ser moderna necesita ter unha variedade estándar para o seu uso na vida pública. Con todo, nesta época de modernidade tardía, a cultura lingüística está mudando e, entre outros procesos, xorden tendencias á desestandarización en distintas linguas europeas (Coupland & Kristiansen, 2011; Kristiansen, 2021), é dicir, prodúcese un certo debilitamento desa idea de superioridade absoluta do estándar. Isto non ocasiona que a ideoloxía do estándar perda a súa lexitimidade, pero si volve máis complexa, multidimensional e mesmo contraditoria a relación entre o estándar e a variación. Neste sentido, o obxectivo deste traballo é estudar en que medida se pode estar dando un proceso de desestandarización tamén no galego. A investigación baséase nun corpus de grupos de discusión, formados por mozas e mozos universitarios, sobre temas metalingüísticos. O noso marco teórico é o que McLelland (2021) denomina "estandardoloxía da terceira vaga”, que se centra na dimensión ideolóxica da estandarización, especialmente en contextos multilingües. Desde a perspectiva da Análise Crítica do Discurso (Fairclough, 2013; Blommaert, 2005), trataremos de observar como se reproducen, negocian ou contestan as ideoloxías lingüísticas dominantes.Item type: Item , Mantemento e transmisión da lingua galega: unha achega ás familias das comarcas interiores da provincia de Ourense(2024-05-06) Villamarín Seguín, Marta; Universidade de Santiago de Compostela. Departamento de Filoloxía Galega; Universidade de Santiago de Compostela. Facultade de Filoloxía; Monteagudo Romero, HenriqueO obxectivo deste Traballo de Fin de Grao é abordar o estudo dos procesos de mantemento e transmisión da lingua galega nas familias das comarcas do interior da provincia de Ourense. O estudo abarcará as comarcas de A Limia, Allariz-Maceda, Ourense, Terra de Caldelas, Terra de Trives e Verín. Esta zona destaca, na súa maior parte, pola homoxeneidade nos aspectos sociais e culturais referentes á emigración a outros territorios, ademais de ser unha das áreas máis despoboadas e envellecidas do país. O marco sociolingüístico xeral deseñarase a partir dos datos que ofrecen as enquisas sobre coñecemento e uso do galego realizadas polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Outras das máis importantes ferramentas que servirán de base para este estudo serán as informacións recollidas nos traballos da materia de 3º curso de Sociolingüística galega, dende o curso 2004/2005. Nestes traballos figuran distintos perfís sociolingüísticos de diferentes familias que pertencen a esta área ao longo de tres xeracións. As cuestións analizadas teñen que ver cos procesos de mantemento, cambio e evolución da lingua galega, que serán relacionados con variables sociais como o hábitat e o status, así como a súa evolución.Item type: Item , Análise dos procesos de transmisión e mantemento da lingua galega na Costa da Morte(2022-11-25) Pérez López, Lucía; Universidade de Santiago de Compostela. Departamento de Filoloxía Galega; Universidade de Santiago de Compostela. Facultade de Filoloxía; Monteagudo Romero, HenriqueO presente traballo ten como obxectivo investigar a situación da transmisión interxeracional do galego nas familias da área máis occidental da Costa da Morte. En contextos bilingües como é o caso galego, as decisións das familias sobre a adquisición lingüística dos seus descendentes están condicionadas por outros factores sociais, como o diferente prestixio das linguas na sociedade, que poden desencadear procesos de substitución ou cambio lingüístico. A partir dunha serie de traballos realizados polos estudantes de Sociolingüística do Grao en Lingua e Literatura galega (USC) recompilados no corpus “A lingua das familias” (ILG), nos que se reconstrúe o historial sociolingüístico dunha familia ao longo de tres xeracións (avó/avoa, pai/nai, fillo/filla), o que se pretende é coñecer tanto o papel que desenvolven os diferentes modelos de familias na transmisión da lingua como as súas motivacións, polo que tamén se atenderá ó contexto sociohistórico e demográfico de cada unha das xeracións.Item type: Item , Actitudes lingüísticas e aprendizaxe de linguas: revisión teórica e proposta didáctica para a lingua galega(2024-05-06) Framil de Amorín, Isaura; Universidade de Santiago de Compostela. Departamento de Filoloxía Galega; Universidade de Santiago de Compostela. Facultade de Filoloxía; Álvarez de la Granja, MaríaAs actitudes lingüísticas xogan un papel determinante nos procesos de adquisición e aprendizaxe de linguas, xa que constitúen unha das formas de expresión da conciencia lingüística dos falantes. Así, xunto a outros elementos centrais no ámbito da sociolingüística, como as crenzas ou os estereotipos, as actitudes lingüísticas contribúen a construír visións e ideas sobre un idioma, factores que influirán no desenvolvemento do usuario como falante dunha lingua nun determinado contexto social. Nas situacións de contacto lingüístico en que conviven dúas ou máis linguas con diferenzas de prestixio, o desenvolvemento de actitudes lingüísticas positivas cara á lingua minorizada será esencial para a súa valoración dentro da comunidade de fala. Nun contexto como o galego é necesario que os falantes adopten posturas favorables cara á lingua galega co fin de contrarrestar o avance do castelán e garantir a preservación do galego e da identidade lingüística dos galegos. Neste senso a educación constitúe unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento destas actitudes positivas, xa que, como expoñen recentes investigacións, as actitudes lingüísticas e a motivación son dous factores decisivos e vinculados ao éxito nos procesos de aprendizaxe de linguas. Neste traballo levarase a cabo unha revisión dos estudos que analizan as actitudes lingüísticas desde o punto de vista da aprendizaxe de linguas e as actitudes no contexto educativo galego co propósito de, posteriormente, elaborar material didáctico enfocado a fomentar actitudes lingüísticas favorables cara á lingua galega. Centrarémonos principalmente en actividades de reflexión metalingüística deseñadas para seren integradas nas aulas de lingua e literatura galegas na educación secundaria.Item type: Item , Castelao: humor e literatura(2024-05-06) Rodríguez Rial, Inés; Universidade de Santiago de Compostela. Departamento de Filoloxía Galega; Universidade de Santiago de Compostela. Facultade de Filoloxía; Vilavedra Fernández, DoloresO humor foi unha das características principais da obra de Castelao, tanto pictórica como literaria. Os intelectuais de Nós, entre os que se inclúe o autor obxecto de estudo, destacaron o humor como un dos trazos identitarios da Volkgeist do individuo galega. Castelao traballou co humor na súa traxectoria artística baixo esta perspectiva de elemento que contén o espírito do pobo. Primeiramente, neste estudo destácanse os momentos na carreira artística do autor nos que o humor tivo un lugar protagonista, sinálanse os comezos no terreo plástico que foron sentando as bases ideolóxicas que despois se desenvolveron na obra literaria. De seguido, tómanse en consideración, por orde cronolóxica, distintas análises que fixeron algúns autores sobre a obra humorística de Castelao. As propostas van dende escritores contemporáneos ao autor rianxeiro como puido ser Eduardo Blanco Amor ata autores actuais como Félix Caballero, que inevitablemente tivo que mencionar a Castelao ao facer un estudo sobre a retranca. Por último, faise unha lectura en clave de humor das dúas obras do autor rianxeiro que están consideradas novelas: Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922) e Os dous de sempre (1934).Item type: Item , O procesamento da estrutura sintáctica nos modelos de linguaxe neurais: a concordancia suxeito-verbo en galego e portugués(2024-05-06) Pérez Puente, Helena; Universidade de Santiago de Compostela. Departamento de Filoloxía Galega; Universidade de Santiago de Compostela. Facultade de Filoloxía; García González, MarcosCombinando coñecementos das áreas de lingüística computacional e de psicolingüística, neste traballo explórase o coñecemento sintáctico dos modelos de linguaxe neurais, concretamente o principio da concordancia suxeito-verbo en galego e portugués. Co fin de estudar se os modelos procesan este fenómeno de forma semellante aos humanos, elaboráronse dous datasets (un en galego e outro en portugués) con 16 oracións e 8 variantes para cada unha de delas, que teñen en conta a gramaticalidade, a presenza ou ausencia dun distractor e a distancia entre o suxeito e o verbo principal. Con estes elementos, realizáronse enquisas a falantes destas linguas para comprobar a aceptabilidade das oracións en relación ás variables referidas. Cunha versión adaptada dos datasets, avaliáronse os modelos de lingua neurais máis avanzados para galego e portugués. Os resultados parecen indicar que os modelos de ambas as linguas non identifican adecuadamente a agramaticalidade das oracións nas que o principio de concordancia suxeito-verbo non se cumpre, ao contrario do que fan as persoas, que si son quen de distinguir as oracións gramaticais daquelas agramaticais.Item type: Item , Singularidades da autoría feminina galega na abordaxe da memoria do 36. Susana Sanches Arins e Iria Morgade Valcárcel, dous estudos de caso(2024-05-06) Nieves Barreiro, Elisa; Universidade de Santiago de Compostela. Departamento de Filoloxía Galega; Universidade de Santiago de Compostela. Facultade de Filoloxía; Vilavedra Fernández, DoloresA memoria non é fiable pero constitúenos. O seu recordo non é idéntico de cada vez que a lembramos e a súa transmisión nunca é homoxénea pero nela reside o valor da experiencia individual e, como membros dunha sociedade que somos, por extensión, tamén da colectiva. Conscientes do inestable desta facultade -quizais deturpada, perdida ou subxectiva en exceso-, quérese nestas páxinas ir máis aló: crendo na súa capacidade para mostrar a relación causa-efecto entre os tempos pasados e os actuais, o presente traballo pretende dilucidar a maneira na que a memoria, en forma de literatura, pode devir no instrumento co que superar o trauma xerado pola Guerra Civil Española mais a ditadura franquista. Explorando a(s) forma(s) nas que se recupera a memoria do 36, captando os seus efectos e observando a renovación do tema nos dous casos prácticos propostos -as lecturas do Seique de Susana Sanches Arins (Através, 2019) e do Quen escribirá a miña historia? de lria Morgade Valcárcel (Galaxia, 2023)- , ilustrarase a troca do discurso social difundido ata os nosos días por un novo máis acaído que se erixe fundamentalmente sobre a perspectiva de xénero. Suxeitas as obras a este fin de reelaboración e de produción contrahexemónica, incidirase na función social da novela así como na súa idoneidade para evidenciar unha serie de tensións mantidas entre a oficialidade e a non-oficialidade da Historia no Estado español.Item type: Item , O vocalismo átono como indexador de galeguidade na pronuncia: estudo perceptivo(2024-05-06) Fernández López, Daniel; Universidade de Santiago de Compostela. Departamento de Filoloxía Galega; Universidade de Santiago de Compostela. Facultade de Filoloxía; Fernández Rei, ElisaA pertinencia do vocalismo átono final na percepción de trazos galegos na pronuncia vénse observando desde hai anos por diferentes autores/as (Regueira, 2012; Tomé Lourido, 2018). A raíz do traballo de Aguete (2020), xestouse a hipótese de Aguete & Fernández Rei (2022) de que o vocalismo átono ten máis relevancia ca o tónico na percepción de trazos caracteristicamente galegos na fala. Con base nesta idea, formulamos a hipótese central do traballo: a percepción da pronuncia galega está ideoloxicamente mediada, isto é, un trazo considerado emblemático do galego oral (a diferenciación de sete vogais tónicas) non é o principal indexador da súa galeguidade. Para demostrar isto, realizaremos un experimento, partindo da hipótese de Aguete & Fernández Rei (2022), que consistirá nun test perceptivo no que controlaremos as variables de pronuncia do vocalismo tónico (7 e 5 vogais) e do vocalismo átono (reducido e non reducido). Para a súa elaboración e realización empregaremos a plataforma FOLERPA (Fernández Rei et al., 2021). No test incluiremos preguntas de valoración do acento, da tradicionalidade, da autenticidade e da orixe (rural-urbana) dos/as informantes. Asemade, buscaremos unha reflexión por parte das persoas xuízas sobre estes ítems para contarmos cos seus xuízos metapragmáticos. Esperamos que a variable do vocalismo átono sexa máis relevante ca a do tónico, o que confirmaría a hipótese do experimento e ratificaría a nosa hipótese principal. Isto comporta unha reflexión sobre a indexicalidade como vínculo entre unha forma e un significado social (Bucholtz & Hall, 2005): se os/as falantes ligan a galeguidade da pronuncia á distinción de 7 vogais tónicas e, pola contra, a perciben a través da redución do vocalismo átono, atopariámonos ante un significado social vinculado a un preconcepto e non a unha forma e, asemade, ante a posibilidade de que o vocalismo átono sexa a forma indexadora.Item type: Item , A tradución no ámbito Galeusca: análise cuantitativa e cualitativa das traducións entre galego, catalán e éuscaro(2023) Rodríguez Vila, Diego; Universidade de Santiago de Compostela. Facultade de Filoloxía; Vilavedra Fernández, Dolores[GL]Galiza, País Vasco e Cataluña son tres nacións que experimentaron situacións políticas e sociolingüísticas moi semellantes ao longo da súa historia. Após a ditadura franquista, conformáronse como “nacionalidades históricas” dentro do estado español grazas á promulgación de cadanseu Estatuto de Autonomía durante a Segunda República. Ademais, posúen cadansúa lingua propia distinta do castelán, coa que coexisten nunha situación diglósica que é enfrontada mediante cadansúa Lei de Normalización Lingüística. Estas circunstancias compartidas propiciaron diversas asociacións entre nacións, desde os Pactos Galeusca, no eido do nacionalismo político, até a Federación Galeusca, no eido literario. Neste contexto de minorización lingüística, a tradución ten un papel fundamental na consolidación de cadanseu campo literario e na normalización de cadansúa lingua. A teor disto, neste traballo analizaranse as sinerxías entre estas comunidades a través da tradución: vaise estudar que obras se traducen, quen o fai e as motivacións de fondo. Centrarase o estudo nas traducións desde e cara ao galego, empregando como base, por unha banda, o corpus da Biblioteca galega de tradución (Bitraga) da Universidade de Vigo, que recolle as traducións literarias publicadas desde 1980 até a actualidade, e pola outra, a Base de datos de libros editados en España da Axencia Española do ISBN. O obxectivo final do traballo é a análise dos factores que rexen estas prácticas tradutivas, tendo en conta a planificación lingüística, as políticas de tradución, os sistemas editoriais, así como calquera outro factor que poida influír. Da mesma maneira, analizaranse as tendencias sobre a escolla das obras traducidas e o equilibrio entre a importación e a exportación de textos.Item type: Item , A posición do suxeito nas construcións intransitivas do galego(2023) Area Falcón, Mariña; Universidade de Santiago de Compostela. Facultade de Filoloxía; Cidrás, FranciscoDo punto de vista tipolóxico, o galego é unha lingua xeralmente incluída dentro do tipo S(uxeito) - V(erbo) - O(bxecto), e.g. A nena mercou un libro. Aínda que admitindo certo grao de liberdade, como é propio no caso das linguas flexivas, esta é a distribución de constituíntes predominante nas oracións básicas do galego. No entanto, nas construídas sen obxecto directo, i.e. intransitivas, a orde básica non é así tan fácil de determinar: certos verbos e estruturas semellan favorecer a posposición do suxeito, mesmo en condicións non marcadas. A pesar de nos situarmos así no ámbito da sintaxe oracional, o estudo da posición do suxeito está sen dúbida sometido á procura de factores semántico-pragmáticos, textuais e discursivos que condicionan tal variabilidade. Con todo, tamén se verá interferido pola circunstancia do galego ser, para alén dunha lingua flexiva de orde bastante libre, unha lingua de suxeito nulo cunha forte tendencia a non marcar o suxeito explícito. Tendo isto en conta, é o obxectivo deste traballo analizar, cuantitativa e cualitativamente, o comportamento posicional do suxeito a partir dos tres grandes tipos de verbos que dan lugar ás construcións intransitivas: a) inacusativos, do tipo chegar, b) inergativos, do tipo vivir e c) psicolóxicos con estrutura OI-V-S, do tipo gustar. Para a realización das análises constituirase un corpus ad hoc que recolla unha mostra representativa de verbos dos tres tipos supracitados, botando man da base de datos do Tesouro Informatizado da Lingua Galega (TILG). No percurso da pesquisa, privilexiaremos unha ollada funcional-cognitiva, asumindo que a estrutura oracional reflicte, no plano da expresión lingüística, decisións correspondentes ao plano semántico e/ou pragmático-discursivo.Item type: Item , Ideoloxías lingüísticas na era dixital: comentarios sobre lingua galega en TikTok(2023) Pérez Lago, María; Universidade de Santiago de Compostela. Facultade de Filoloxía; Regueira Fernández, Xosé LuísEste Traballo de Fin de Grao ten como obxectivo principal analizar as ideoloxías lingüísticas imperantes na rede a partir da observación sistemática de prácticas discursivas desenvoltas en TikTok sobre o galego. A investigación baseada nun corpus de comentarios metalingüísticos orais e escritos permitiu coñecer mellor a situación e valor social actual da lingua. En Galicia existe unha situación sociolingüística complexa e o desenvolvemento do mundo dixital propiciou que na actualidade as redes sociais sexan un importe espazo de comunicación no que construír novas identidades e repertorios lingüísticos. O estudo cualitativo e exploratorio levado a cabo na sociedade galega dixital permitiu a identificación dunha ideoloxía do estándar discutida dende o bando da resistencia que fai visible variedades antes excluídas e provoca a aparición de ideoloxías lingüísticas alternativas, así como unha ideoloxía de superioridade lingüística do castelán que mantén ao galego nunha situación de minoración.Item type: Item , O asolagamento de Castrelo de Miño. Unha lectura ecocrítica(2023) Fernández Justo, Marta; Universidade de Santiago de Compostela. Facultade de Filoloxía; Domínguez Prieto, CésarA construción no ano 1966 do encoro de Castrelo de Miño supuxo un antes e un despois na historia deste concello ourensán. Como forma de contestación ó drama vivido pola poboación obrigada a marchar, xurdiron diferentes mostras literarias que narran o suceso. No referido ó estado da cuestión, até o momento a meirande parte da investigación académica realizada sobre o mesmo xira arredor da súa vertente histórico-política. Atendendo a isto, no marco da ecocrítica, o presente traballo ten como obxecto unha análise desta situación a través das obras de 1978 Morrer en Castrelo de Miño, de Xosé Fernández Ferreiro, e 1981 A vila sulagada, de Daniel Cortezón, así como o relato de Manuel María «As augas van caudales». Esta selección textual correspóndese cos obxectivos principais do traballo, isto é, debuxar unha sucinta panorámica do tratamento deste acontecemento na nosa literatura. Así mesmo, tamén permitirá observar novas perspectivas sobre o seu impacto social hoxe e na Galicia do momento. O eixo vertebrador da análise será o tropo da «apocalipse» segundo a formulación de Greg Garrard, recollido no seu manual Ecocriticism, a caracterización de Galicia vencellada a unha identidade sentimental presente en Galiza un povo sentimental, de Helena Miguélez Carballeira, e o medioambientalismo dos pobres, postulado por Rob Nixon, que permitirá observar os efectos da violencia lenta exercida sobre a poboación.Item type: Item , Primeira aproximación aos protocolos notariais de Johán Rodríguez (Catedral de Tui, 1413-1442)(2023-06) Costas Fragueiro, Brais; Universidade de Santiago de Compostela. Facultade de Filoloxía; Mariño Paz, RamónEn liñas xerais, este Traballo de Fin de Grao ten por finalidade central realizar un primeiro achegamento aos protocolos notariais de Johán Rodríguez, da catedral de Tui (referencias arquivísticas ES.GA.36055.ACHDT/1.8.1.45.//1004_1 e ES.GA.36055.ACHDT/1.8.1.45.//1003_2). Estes foron producidos a principios do século XV, exactamente entre 1413 e 1442. Para iso, en primeiro lugar, seleccionarase un subcorpus de estudo, caracterizado por un conxunto senlleiro de documentos que reflictan a intervención da muller en asuntos relacionados basicamente coa compravenda e o aforamento de propiedades. Unha vez escollidos estes textos, procederase á súa edición e posteriores estudo e análise ecdótica. Ademais, reuniranse e estudaranse as alusións que nestes documentos se fan ao notario Vasco Lourenço de Tui, autor dunhas glosas a un exemplar do Fuero Real de Afonso X que circulou polas terras do Baixo Miño entre finais do século XIV e principios do século XV. Así pois, este Traballo de Fin de Grao supón un primeiro chanzo dentro dun proxecto de investigación máis amplo, que consistiría na edición e análise do conxunto deses protocolos notariais tudenses de principios do XV. Encádrase dentro do proxecto "Escritorio Galego-Portugués Antigo", resultado dun proceso de investigación iniciado en 2007 no seo do Instituto da Lingua Galega. Actualmente, o EGPA desenvólvese no marco de dous proxectos de investigación vencellados ás universidades de Alcalá de Henares e Santiago de Compostela: HERES (Universidad de Alcalá de Henares) e PTGM (ILG-USC). O seu obxectivo principal é ofrecerlle ao investigador textos galegos, portugueses e brasileiros producidos entre a plena Idade Media e principios do século XX en multiedición dixital: transcrición paleográfica, presentación presentación crítica, reprodución facsimilar, concordancias e acceso aos diferentes grupos textuais de acordo con distintos criterios de clasificación (cronolóxico, xeográfico, tipolóxico etc.). Para máis información, véxase: https://corpora.uah.es/egpa/.Item type: Item , O proceso de individualización do romance galego fronte ao latín vulgar galaico e aos romances veciños(2022) Sambade Vázquez, Rosalía; Universidade de Santiago de Compostela. Facultade de Filoloxía; Mariño Paz, RamónEn primeiro lugar, introducirase o concepto de lingua e a problemática que se produce arredor da súa delimitación. Desta maneira, presentarase o contexto de diversidade lingüística como un continuum en que os factores que permiten o seu acoutamento son maioritariamente extralingüísticos. Polo tanto, empregarase como criterio principal de diferenciación a conciencia metalingüística.A continuación, realizarase unha pequena descrición do proceso de latinización de Gallaecia e unha presentación da evolución da situación sociolingüística, que pasa dun contexto de endodiglosia funcional (latín vulgar fronte a latín culto) a un contexto de exodiglosia funcional (romance galego fronte a latín culto). A conciencia sobre esta situación acentúase grazas ao proceso de descentralización do latín culto literario que permite o Concilio de Tours e o Concilio de Burgos. Posteriormente, presentaranse grosso modo os trazos definitorios do romance galego fronte a outras variedades ou romances derivados do latín e o seu proceso de diferenciación con respecto a elas. Esta separación, ademais de pola diferenza dos trazos lingüísticos, prodúcese sobre todo grazas á consciencia metalingüística, que se analizará por medio dunha serie de textos.
- «
- 1 (current)
- 2
- 3
- »