Análise das desigualdades de xénero no mercado laboral en España

Loading...
Thumbnail Image
Identifiers

Publication date

Advisors

Editors

Journal Title

Journal ISSN

Volume Title

Publisher

Metrics
Google Scholar
lacobus
Export

Research Projects

Organizational Units

Journal Issue

Abstract

A economía feminista caracterízase por presentar unha visión máis realista do mundo social e económico e integra na súa análise unha visión sectorial de xénero. Na actualidade, a existencia de desigualdade e pobreza social e económica adquiriu unha maior relevancia social; nun contexto no que as persoas traballadoras adquiren cada ver un menor poder en termos de renda. Ademais, son as mulleres as maiores prexudicadas destas ineficiencias sociais, dado que obteñen as taxas de pobreza e risco de exclusión social máis altas. Así e todo, o mercado laboral xoga un papel determinante na consideración da pobreza e da desigualdade dado que as dinámicas que xorden no mercado de traballo contribúen a explicar as características da pobreza: un sistema laboral inequitativo implica maior desigualdade e pobreza. Neste sentido, o mercado laboral español preséntase ineficiente en termos de xénero: unhas taxas de actividade e ocupación das mulleres menores que as dos homes e un maior desemprego feminino son aspectos caracterizadores do mercado de traballo. Pola súa banda, a segregación laboral por razón de xénero implica unha división na consideración dos empregos “masculinos” e “femininos”, establecendo estes últimos como aqueles cunha menor responsabilidade e salarios máis baixos. Esta división implica unha redución constatada dos ingresos das mulleres, sendo o salario medio anual maior no caso dos homes que das mulleres. Ademais, os traballos de reprodución da forza social e dos coidados recaen de maneira sistemática sobre as mulleres, entendendo o traballo non monetizado como unha obriga na que as mulleres deben someterse en función da súa pertenza social a un colectivo socialmente construído por criterios de xénero. O obxectivo principal deste traballo é analizar as desigualdades por razón de xénero no mercado laboral español. Este obxectivo concrétase en varios obxectivos específicos: estudar a incidencia da segregación laboral na fenda salarial, así como examinar a repercusión da persistencia da menor carga de traballo no caso das mulleres. Este traballo segue a metodoloxía característica da economía aplicada, baseada tanto na revisión da literatura como na achega empírica. Neste sentido, para a recollida de datos utilízanse varias enquisas do Instituto Nacional de Estatística, así como os datos ofrecidos polo Ministerio de Igualdade. Para o caso español, nas últimas décadas aumentou a desigualdade na distribución dos ingresos, chegando a alcanzar unha situación na que os ingresos totais do 10% da poboación con ingresos máis elevados multiplica a 5,8 a renda do 10% da poboación con menor renda no ano 2020. Da análise de indicadores de desigualdade laboral (participación, representación e concentración) extráese a idea de que as mulleres se sitúan maiormente en traballos de servizos e coidados, sectores onde os salarios son máis baixos, como mostran os datos do ano 2019. A segregación pola súa banda, segue en aumento: o Índice de Duncan alcanza un valor do 35% no ano 2021, é dicir, o 35% das mulleres deberían cambiar de ocupación para obter unha igualdade na distribución dos empregos entre homes e mulleres e conseguir que o mercado laboral seguira unha tendencia igualitaria. Por último, o traballo non remunerado nos fogares foi interpretado tradicionalmente como unha obriga na que o suxeito debe someterse en función da súa pertenza social a un colectivo socialmente construído por criterios de xénero. Isto implica que a corresponsabilidade é unha das materias pendentes do mercado laboral español: as mulleres destinan de media 4 horas e 29 minutos aos coidados do fogar e da familia, mentres que os homes invisten de media 2 horas e 32 minutos.

Description

Traballo Fin de Máster en Desenvolvemento Económico e Innovación

Keywords

Bibliographic citation

Relation

Has part

Has version

Is based on

Is part of

Is referenced by

Is version of

Requires

Sponsors

Rights

Atribución-NoComercial-CompartirIgual 4.0 Internacional