A Responsabilidade Social Corporativa nas radiotelevisións públicas da Unión Europea
Loading...
Identifiers
Publication date
Authors
Advisors
Tutors
Editors
Journal Title
Journal ISSN
Volume Title
Publisher
Geographic coverage
Abstract
O título desta tese de doutoramento é “A Responsabilidade Social Corporativa nas radiotelevisións públicas da Unión Europea”. Esta cabeceira engloba as dúas cuestións sobre as que gravita toda a investigación: os medios de comunicación públicos e o sistema de autorregulación no ámbito da xestión.
A inferencia política, os procesos viciados na toma de decisións, a caída da credibilidade e a desidia no cumprimento da misión de servizo público abocou ao groso das corporacións de radiotelevisión públicas da Unión Europea a baixos niveis de credibilidade e reputación. Non se trata dunha caída abrupta, de feito preto da metade continúan controlando o mercado de audiencias dos seus respectivos países, se ben a tendencia é negativa.
A crise económica continúa a facer dano nestes entes que se viron obrigados a reestruturar cadros de persoal e reducir servizos. Todo isto, enmarcado nun escenario de converxencia dixital que propiciou a proliferación de canles, a fragmentación das audiencias e a chegada da comunicación 2.0 como alicerce da interactividade.
Neste contexto, preséntase a Responsabilidade Social Corporativa como sistema a través do cal xestionar o comportamento responsable no eido económico, social e medioambiental. Ademais, é un concepto chave para garantir o correcto desenvolvemento da función de servizo público que lexitima a propia existencia das radiotelevisións públicas e sen a cal tenderían á desaparición.
A investigación xira arredor da implementación da RSC nas corporacións de Alemaña, Austria, Bélxica, España, Finlandia, Francia, Irlanda, Portugal e Reino Unido. Por unha banda, esmiúzase o contido das memorias de desempeño sobre esta cuestión que estes entes publican periodicamente e, por outra, achéganse os resultados dun cuestionario de vinte e oito preguntas que foi enviado a toas as radiotelevisións públicas europeas, desenvolvan ou non este sistema de xestión.
Os resultados constatan que a vontade das nove corporacións que desenvolven accións formalmente entendidas como Responsabilidade Social Corporativa é a de robustecer a reputación nun escenario cada vez máis competitivo. Neste senso, os ámbitos aos que destinan a maior parte dos seus esforzos son o laboral e o medioambiental, seguidos do social.
Detéctanse dúas eivas na asunción desta filosofía. A primeira é relativa á pouca atención prestada aos preceptos da misión de servizo público á hora de desenvolver a RSC. A segunda ten que ver coa falta de avaliación. Ningunha das nove corporacións emprega auditorías, internas ou externas, para avaliar o éxito ou fracaso das súas accións. Sen medición non é posible a elaboración de estratexias cribles e realizables.
Description
Bibliographic citation
Relation
Has part
Has version
Is based on
Is part of
Is referenced by
Is version of
Requires
Sponsors
Rights
Esta obra atópase baixo unha licenza internacional Creative Commons BY-NC-ND 4.0. Calquera forma de reprodución, distribución, comunicación pública ou transformación desta obra non incluída na licenza Creative Commons BY-NC-ND 4.0 só pode ser realizada coa autorización expresa dos titulares, salvo excepción prevista pola lei. Pode acceder Vde. ao texto completo da licenza nesta ligazón: https://creativecommons.org/licenses/by-nc-nd/4.0/deed.gl








