Dobre Grao en Mestre de Educación Infantil e en Mestre de Educación Primaria

Permanent URI for this collectionhttps://hdl.handle.net/10347/38045

Browse

Recent Submissions

Now showing 1 - 6 of 6
  • Item type: Item ,
    A educación rural: identidade profesional e transformación educativa dende unha mirada narrativa na comarca de Santiago de Compostela
    (2025-06) Neira Botana, Laura; Universidade de Santiago de Compostela. Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación; Universidade de Santiago de Compostela. Departamento de Pedagoxía e Didáctica; López Castro, Leticia; García Romero, David
    A escola rural, invisibilizada e silenciada durante tanto tempo, pasou por numerosas transformacións condicionadas por cambios sociais, políticos e educativos. A súa documentación, análise e reflexión crítica permítenos coñecer o pasado e entender o presente desta, recoñecendo avances significativos e grandes perdas que se foron dando ao longo dos anos. Nesta liña, o seguinte traballo pretende estudar a evolución da educación rural nos arredores de Santiago de Compostela a través das historias de vida de mestras e mestres que exerceron ou continúan exercendo a docencia nestes lugares, procurando así preservar a memoria educativa, poñer en valor o labor docente e explorar o impacto da súa figura na comunidade. Para iso, lévanse a cabo cinco entrevistas semiestruturadas nas que se abordan cuestións como as motivacións e referentes iniciais do profesorado, a súa formación e traxectoria profesional, as condición e recursos das escolas que foron percorrendo, o desenvolvemento das metodoloxías docentes, as relacións entre profesorado, alumnado, familias e contorna na aula e fóra dela que tanto marcaron a estas escolas, a reflexión sobre a existencia dunha identidade docente rural e o estudo desde una perspectiva crítica da evolución histórica da educación rural, coa intención de que as súas voces e a nosa historia non queden no esquecemento.
  • Item type: Item ,
    O caso do Pazo Novoa. Reconstrución de escenas con TinkerCAD e maquetas 3D para desenvolver o sentido espacial
    (2025-06) Reseco Aguado, Lucía; Universidade de Santiago de Compostela. Departamento de Didácticas Aplicadas; Lois Prados, Cristina
    A revolución tecnolóxica está a producir novas ferramentas de urxente incorporación ao ámbito educativo. Neste contexto, os procesos de modelado e impresión 3D xorden como alternativa a unha ensinanza tradicional que se ve substituída pola combinación de teoría e práctica e que atopa no deseño e produción de prototipos unha vía idónea para desenvolver o sentido espacial. Así, o obxectivo principal do presente TFG é propoñer unha secuencia didáctica destinada ao 5º curso da Educación Primaria para fomentar a adquisición de habilidades de visualización e orientación a través de procesos de modelado e impresión 3D e do manexo de distintos soportes de representación. Con este propósito, profúndase nas características técnicas e nos beneficios educativos do modelado e da impresión 3D e revísanse as compoñentes do sentido espacial baixo a pretensión de xustificar a elección de TinkerCAD como ferramenta para promover o seu desenvolvemento. A secuencia didáctica deseñada xira arredor da resolución dun crime ficticio. Así, proponse crear unha maqueta da aula na que reconstruír os itinerarios dos personaxes mediante o establecemento de correspondencias entre o espazo real, planos e a propia maqueta. A fin de reflexionar sobre a súa efectividade implementouse unha adaptación nun contexto real, cuxos resultados reflectiron a positiva implicación do alumnado e permitiron detectar melloras no deseño. En síntese, avógase por continuar elaborando estas experiencias e estender o ámbito de aplicación a outras disciplinas.
  • Item type: Item ,
    O armario de Carmela. Deseño dun recurso literario para combater estereotipos cara á vellez na infancia
    (2025-06) Reseco Aguado, Lucía; Universidade de Santiago de Compostela. Departamento de Didácticas Aplicadas; García Pedreira, Rocío
    A paulatina incorporación da muller ao mercado laboral continúa a xerar, en pleno século XXI, diversas dificultades no eido da conciliación da vida familiar e profesional e fai necesario involucrar os avós e avoas na crianza dos seus netos/as. Consecuentemente, as relacións entre a nenez e vellez comezaron a ser obxecto de estudo coa finalidade de fomentar a creación de vínculos positivos, para o cal se traballou dende distintas áreas, entre as que se atopa a educación literaria. O obxectivo do presente TFG é deseñar un recurso de corte literario para contribuír á desarticulación de estereotipos cara á vellez na infancia. Pártese da hipótese de que a presenza de temas outrora considerados tabú na literatura infantil trouxo consigo unha masiva asociación da figura do avó/a coa morte, deixando pouco espazo a unha representación máis rocambolesca e menos dramática que podería ofrecer novos camiños para a achega da nenez á velleira. A fin de corroborar esta conxectura e de establecer un punto de partida para o proceso creativo, estúdase o paradigma social da vellez e a súa representación na Literatura Infantil e Xuvenil. A maiores, deséñase unha Situación de Aprendizaxe dirixida ao alumnado de Educación Infantil artellada a partir da obra deseñada. As conclusións reafirman a importancia de transmitir imaxes positivas dos maiores á infancia e achegan outras prospeccións de futuro.
  • Item type: Item ,
    A resolución de problemas como eixo vertebrador no desenvolvemento do Pensamento Computacional e na aprendizaxe da Robótica Educativa en Educación Primaria
    (2025-07) Pedro López, Aida de; Universidade de Santiago de Compostela. Departamento de Didácticas Aplicadas; Lois Prados, Cristina
    Dado que resulta imprescindible desenvolver habilidades asociadas ao Pensamento Computacional (PC), á Resolución de Problemas (RP) e á Robótica Educativa (RE) para favorecer unha adaptación axeitada ás necesidades da sociedade actual, faise necesaria unha educación que responda a estas novas demandas. En consecuencia, diversas investigacións formulan recomendacións sobre como integrar estas competencias de maneira efectiva na práctica educativa. A pesar disto, as propostas existentes son escasas e, na súa maioría, presentan enfoques que dificultan o desenvolvemento adecuado destas habilidades. Por este motivo, para levar a cabo unha implementación axeitada, resulta fundamental estudar en profundidade os conceptos que a sustentan e atender ás achegas dos diferentes autores e autoras. O presente Traballo de Fin de Grao ten como finalidade deseñar e poñer en práctica unha proposta fundamentada que permita reflexionar sobre o emprego da Resolución de Problemas, como guía para desenvolver coñecementos e habilidades relativos ao Pensamento Computacional e á Robótica Educativa. Para acadar este obxectivo, lévase a cabo un estudo experimental que inclúe a implementación dunha proposta dirixida ao alumnado de 6º curso de Educación Primaria. Así mesmo, incorpórase unha revisión bibliográfica que sustenta o deseño desta intervención, composta por tres actividades cun fío condutor común: a simulación do comportamento de elementos robotizados presentes na vida cotiá, mediante o emprego do mBot 1. Ao longo da implementación xurdiron diversas dificultades derivadas de limitacións técnicas e do enfoque pedagóxico habitual da aula. Porén, puidéronse acadar os obxectivos establecidos en relación ao desenvolvemento das capacidades asociadas ao PC, RP e RE.
  • Item type: Item ,
    As emocións na aula mediante a literatura infantil galega e metodoloxías activas
    (2025-06) Maroño Pascalin, Nina; Universidade de Santiago de Compostela. Departamento de Filoloxía Galega; Ares Vázquez, María del Carmen
    A educación emocional nace da necesidade de dotar ao alumnado de ferramentas, recursos e destrezas para coñecer, identificar, xestionar e expresar os distintos estados emocionais que experimentarán a medida que medran. A función que este ámbito exerce no proceso de ensino-aprendizaxe dos nenos/as, fai que se sitúe como o eixe principal do presente TFG. A importancia da educación das emocións na vida escolar e a necesidade de ofrecer recursos motivadores, próximos e atractivos leváronme a escoller a literatura infantil galega (máis concretamente os contos ilustrados ou libros-álbum) como material base para o traballo dos estados emocionais. Ademais, o propósito de desenvolver tarefas e actividades onde o alumno/a sexa o protagonista e goce do proceso de aprendizaxe favorece o emprego das metodoloxías activas, que enriquecen enormemente este transcurso. O núcleo deste TFG é a creación dunha Proposta Didáctica titulada Emocións e contos: Escape Room literario na que por medio de catro contos ilustrados trato de mergullar o alumnado nunha Proposta na que coñecerán a tristeza, o medo, o enfado e a ledicia co traballo da lingua galega e a gamificación.
  • Item type: Item ,
    O desenvolvemento emocional na infancia a través de contos ilustrados e metodoloxías activas
    (2025-06) Maroño Pascalin, Nina; Universidade de Santiago de Compostela. Departamento de Filoloxía Galega; Ares Vázquez, María del Carmen
    As emocións son un elemento presente ao longo de todo o proceso evolutivo das crianzas e inflúen enormemente no seu desenvolvemento. Da necesidade de ofrecerlles aos nenos e nenas as ferramentas, estratexias e competencias necesarias para o coñecemento, identificación, expresión e xestión das súas emocións, nace a disciplina da educación emocional, eixe vertebrador do presente TFG. Se o obxectivo primordial é integrar a educación das emocións nos distintos ámbitos da vida escolar da infancia, escoller recursos próximos ao alumnado que sirvan como elemento motivador non debe quedar nun segundo plano. Deste requisito nace a elección dos contos ilustrados ou libros-álbum como material para o traballo dos estados emocionais, non só por ser unha clara fonte de pracer e lecer para as crianzas, senón tamén polo enorme potencial que supoñen nas aulas. Para levar a cabo unha correcta fusión conto-emoción con tarefas e actividades enriquecedoras tómanse como referencia as metodoloxías activas da educación, que axudan a facer do proceso de ensino-aprendizaxe unha experiencia lúdica, atractiva e vistosa sen esquecer o carácter didáctico. O núcleo deste TFG é a creación dunha Proposta Didáctica titulada Emocións a bordo! na que por medio de catro contos ilustrados trato de mergullar o alumnado nunha viaxe na que coñecerán a tristeza, o medo, o enfado e a ledicia dende a expresión corporal, plástica, artística, musical, literaria, oral e escrita.