A Terra : órgano del Centro Gallego

Permanent URI for this communityhttps://hdl.handle.net/10347/24879

Revista publicada en Córdoba, Arxentina, a partir de maio de 1920. Temos constancia da súa existencia, polo menos, ata setembro de 1924, data do número dobre 53/54. De periodicidade mensual, publicou tamén algúns números extraordinarios.

Incluía os contidos propios de calquera publicación da emigración da época: información aos integrantes do Centro Gallego de Córdoba sobre as actividades da entidade e numerosos artigos que achegaban os socios á realidade cultural e a actualidade galega. Porén, diferénciase doutras revistas semellantes en que sempre reservou moito espazo para a reprodución de textos da nosa literatura. Este labor compilatorio debeuse, sen dúbida, ao seu director, Manuel Fernández González, que tamén era poeta e publicou moitos poemas en galego.

Nas páxinas da revista recóllense colaboracións líricas, en galego e castelán, de numerosos autores galegos, moitos deles de pouca sona, así como poemas asinados con pseudónimo. Canto á narrativa, é de salientar unha noveliña por entregas do director da publicación e relatos de diversos autores galegos. Destaca igualmente a publicación da tradución ao galego de contos de Alphonse Daudet realizada por Lamas Carvajal. Inclúe tamén estudos literarios e recensións de libros, así como textos programáticos das Irmandades da Fala.

Fonte:

Vilavedra, D. (Coord.). (1997). Diccionario da Literatura Galega. II, Publicacións periódicas. Vigo: Editorial Galaxia

Browse

Este proxecto recibiu unha axuda da Dirección General del Libro y Fomento de la Lectura do Ministerio de Cultura y Deporte