Boletín oficial del Centro Gallego

Permanent URI for this communityhttps://hdl.handle.net/10347/24932

Cabeceira da publicación do Centro Gallego de Buenos Aires entre 1913 e 1923. A revista mudou a súa denominación en 1923 pola de Centro Gallego de Buenos Aires de mutualidad, cultura, beneficencia e pola de Galicia a partir de 1926. O seu obxectivo principal era comunicarlles aos socios os traballos, decisións ou acordos da sociedade, e informar sobre as actividades do Centro e a súa vida interna (doazóns, socios ingresados, servizos médicos, resolucións das comisións directivas, movemento de caixa, memoria anual, etc.). A publicación completábase con artigos referidos a Galicia e á defensa dos galegos en Arxentina. Contou entre os seus directores con Juan Manuel Pérez, José Blanco Amor, Eduardo Blanco Amor, Valentín Fernández ou Luis Seoane.

Empregou maioritariamente o castelán, mesmo cando se trataba de falar de homenaxes a Murguía, Rosalía, Leiras Pulpeiro, ou de necrolóxicas sobre a morte de Añón e outros escritores galegos. Contén artigos en castelán de Curros, Eugenio Carré Aldao, así como recensións a poemarios galegos. Tamén publicou moitos poemas e contos en castelán de escritores galegos.

A creación literaria en galego (contos e, sobre todo, poesía) aparecía dentro dunha sección específica, que foi mudando de nome ao longo dos anos. Outra sección, "Musa popular gallega" recollía cantares do pobo, coplas e outras mostras da nosa literatura popular. É unha das poucas publicacións deste tipo que tamén acolle textos dramáticos nas súas páxinas. Desempeñou un importante papel cultural coa difusión de artigos, ensaios e documentos iconográficos relacionados coa cultura galega.

Fontes:

Vilavedra, D. (Coord.). (1997). Diccionario da Literatura Galega. II, Publicacións periódicas. Vigo: Editorial Galaxia

Santos Gayoso, Enrique (1990). Historia de la prensa gallega, 1800-1986. Sada: Ediciós do Castro

Este proxecto recibiu unha axuda da Dirección General del Libro y Fomento de la Lectura do Ministerio de Cultura y Deporte

Browse