EC/021-Vol.21, Núm. 1 (2012)

Permanent URI for this collectionhttps://hdl.handle.net/10347/18933

Browse

Recent Submissions

Now showing 1 - 14 of 14
  • Item type: Item ,
    Reflexións sobre o concepto de racionalidade na teoría económica
    (Universidade de Santiago de Compostela, 2012) Panico, Carlo
    O concepto de racionalidade ten un papel crucial en economía. Distintas versións de racionalidade acompañan o periplo da disciplina desde os economistas clásicos, pasando polas formulacións da teoría neoclásica de finais do século XIX ata a teoría da elección racional dos nosos días, para chegar ás contribucións actuais dos enfoques da racionalidade limitada, da economía experimental, da do comportamento ou da neuroeconomía. No percorrido aparecen distintos problemas: é posible considerar cientificamente satisfactoria unha teoría que parte de supostos non verificables empiricamente como aqueles que se postulan sobre a variable utilidade?, é adecuada, baixo os resultados das investigacións do comportamento, a descrición da psicoloxía humana implícita nas distintas vertentes da teoría neoclásica?, pode deixarse de lado o papel das interaccións sociais sobre a elección individual cando se examina o funcionamento do sistema económico?, é adecuado examinar o funcionamento do sistema económico non seu conxunto como a suma do comportamento dos axentes individuais? Estes problemas, como se verá nas seguintes páxinas, aínda non atoparon solucións que os economistas consideren satisfactorias, e suxiren que se require volver sobre achegas como as que fixeron Keynes, Sraffa e Myrdal nos anos vinte e trinta do pasado século
  • Item type: Item ,
    Complexidade e economía: distintas correntes de pensamento, distintas lecturas
    (Universidade de Santiago de Compostela, 2012) Miedes Ugarte, Blanca
    A emerxencia da física dos fenómenos complexos durante a segunda metade do século XX trouxo consigo transformacións ontolóxicas, heurísticas e metodolóxicas que permeabilizaron todos os campos do saber, provocando a aparición do que se coñece como “ciencias da complexidade”. Esta denominación pretende facer referencia a un proceso e non a unha realidade acabada e estática. Non só é o cúmulo de novidades conceptuais e metodolóxicas, senón que tamén é o modo en que se producen en cada disciplina concreta e a forma en que se manifesta nos terreos transdisciplinares comúns que van conformando esas evolucións. Este artigo pretende dar conta dos trazos máis característicos desta renovación, da forma en que permeabilizou o pensamento económico nas tres últimas décadas, así como das súas principais implicacións nas características da produción científica tanto na economía convencional como nas correntes heterodoxas
  • Item type: Item ,
    O camiño á complexidade: por que a economía debería seguir á física
    (Universidade de Santiago de Compostela, 2012) Varela Cabo, Luis Miguel; Ricoy Riego, Carlos Javier; Universidade de Santiago de Compostela. Departamento de Física de Partículas; Universidade de Santiago de Compostela. Departamento de Fundamentos da Análise Económica
    Na presente contribución mostraremos que a dirección dominante da economía contemporánea, tras o seu desenvolvemento inicial no marco conceptual e analítico da física clásica do século XIX, segue ancorada no seu “core” conceptual –a teoría neoclásica de equilibrio xeral–, ignorando a evolución da propia física ao longo do século XX cara ao tratamento de sistemas complexos, e aínda a natureza mesma do seu obxecto de coñecemento. Para isto, e logo de resumir brevemente o formalismo da física clásica e a formulación da propia economía neoclásica, analizaremos a evolución de ambas as dúas disciplinas ao longo do pasado século, con atención particular ao desenvolvemento da termodinámica desde o seu formalismo de equilibrio ata o concepto de estruturas disipativas da termodinámica non lineal. Finalmente, apuntamos unha serie de liñas nas que, ao noso xuízo, debe realizarse a adaptación da economía á física contemporánea, con todas as súas consecuencias
  • Item type: Item ,
    Posibilidade, necesidade e tratamento da complexidade na física: unha aproximación histórica
    (Universidade de Santiago de Compostela, 2012) Carrete Montaña, Jesús; Universidade de Santiago de Compostela. Departamento de Física de Partículas
    Neste traballo faise un percorrido ao longo da historia da física, partindo do que é posible especular sobre as actitudes protocientíficas dos primeiros seres humanos e rematando polas máis importantes achegas á disciplina no s. XX. O obxectivo é proporcionarlle ao lector unha idea do longo camiño percorrido polo pensamento desde que apareceron as inquedanzas intelectuais sobre a natureza ata que se puido dispoñer dun método científico suficientemente próximo a esta e emancipado da filosofía e da teoloxía. Destácase a caracterización deste camiño coma unha traxectoria analítica cara ao reducionismo, que acadou a súa concreción na idiosincrasia asociada á mecánica clásica na época de Isaac Newton. Unha boa parte deste conxunto de ideas foi despois posto en cuestión debido ao propio avance da física, e requiriu de xeneralizacións non menos complexas no plano conceptual. Hoxe a física, coma outras disciplinas, progresa no tratamento dos sistemas complexos, para o que lle é preciso aplicar un conxunto moito máis variado de aproximacións e métodos
  • Item type: Item ,
    A economía en canto ciencia: enfoque desde a complexidade
    (Universidade de Santiago de Compostela, 2012) Gonzalez, Wenceslao J.
    Dentro do contexto da análise filosófica-metodolóxica, este artigo versa sobre cuestións centrais acerca da economía en canto ciencia, onde o foco de atención está posto na perspectiva da complexidade. A este respecto, séguense aquí varios pasos: primeiro, os trazos característicos da ciencia e do caso da economía (elementos constitutivos, diversificación temática e localización no conxunto dos saberes); segundo, a economía como ciencia aplicada de deseño ante a complexidade (en clave ontolóxica e epistemolóxica, que se articulan na vertente estrutural e na dimensión dinámica); terceiro, o estatuto científico da economía segundo os criterios epistemolóxicos e metodolóxicos que dominaron a escena ata a data, que teñen un nexo directo coa predición; e, finalmente –como coda–, o papel dos modelos matemáticos en canto á economía, dentro do marco da comparación entre os distintos tipos de ciencia. Estes pasos buscan aspectos relevantes de cada cuestión analizada, sabendo que o cometido principal é a contextualización da economía en canto ciencia máis que a exhaustiva consideración de cada tema
  • Item type: Item ,
    Presentación
    (Universidade de Santiago de Compostela, 2012) Varela Cabo, Luis Miguel; Ricoy Riego, Carlos Javier; Universidade de Santiago de Compostela. Departamento de Fundamentos da Análise Económica
  • Item type: Item ,
    A exposición económica ao risco cambiario: delimitación conceptual e modelos para a súa estimación
    (2012) Vivel Búa, Milagros
    A internacionalización empresarial confírelle unha gran relevancia á xestión integral do risco, incluído o xerado polas flutuacións no prezo das divisas. A análise do risco cambiario debe partir da identificación do concepto de exposición cambiaria, xa que non existe unha definición única, senón diferente e máis ampla en función de cal sexa o seu alcance. Este é, precisamente, o primeiro obxectivo que se desenvolve na segunda sección. A continuación, centrándonos na exposición cambiaria de tipo económica, o segundo obxectivo foi expoñer as diferentes formulacións metodolóxicas que se definiron para a súa estimación. Centrámonos nesta exposición porque é aquela que ten unha maior relevancia para a empresa, dada a súa orientación no longo prazo e as diferentes formas de manifestación que pode adquirir no desenvolvemento doméstico e/ou internacional da actividade.
  • Item type: Item ,
    A Lei galega de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira: unha análise crítica
    (Universidade de Santiago de Compostela, 2012) Fernández Leiceaga, Xoaquín María; Universidade de Santiago de Compostela. Departamento de Economía Aplicada
    Neste traballo efectúase unha análise crítica da recente Lei galega de disciplina orzamentaria. A súa principal novidade consiste en establecer unha regra de variación máxima do gasto non financeiro da Comunidade Autónoma na fase álxida do ciclo económico. Unha aplicación retrospectiva ao período 2002-2010 indica que a Lei implicaría un intenso control do gasto e unha notable redución da débeda da Comunidade Autónoma. Porén, detéctanse algúns problemas de aplicación. O primeiro, que a variable independente é a previsión de expansión do PIB, introducindo un carácter de discrecionalidade ao ser responsabilidade gobernamental. Compróbase que sucedería de utilizar unha regra obxectiva, como a evolución pasada do produto. O segundo problema radica na aplicación da regra só á fase álxida do ciclo. O cambio de conxuntura eleva a marxe discrecional do Goberno, desvirtuando a finalidade de control do gasto perseguida. Por último, discútese tamén a posibilidade de equilibrio orzamentario ao longo do ciclo e a posibilidade de flexibilizar o destino dos superávits
  • Item type: Item ,
    Daquelas areas estas lamas?: o mercado de traballo en España desde unha perspectiva histórica
    (Universidade de Santiago de Compostela, 2012) Vilar Rodríguez, Margarita
    O mercado de traballo adquiriu un crecente protagonismo nos recentes debates políticos, económicos e mediáticos para explicar as elevadas taxas de desemprego e as dificultades para recuperar a senda do crecemento económico na economía española. Pero a maioría dos argumentos utilizados resultan algo miopes ao esquecer a perspectiva histórica. Partindo desta idea, este traballo invita a reflexionar sobre tres cuestións principais: analizar as características básicas do funcionamento do mercado de traballo durante os case corenta anos de ditadura franquista; analizar as herdanzas laborais do franquismo e os cambios producidos no mercado de traballo durante a etapa democrática; e, por último, reflexionar sobre o grao de responsabilidade do mercado laboral nas dificultades da economía española a principios do século XXI
  • Item type: Item ,
    A responsabilidade social empresarial e os stakeholders: unha análise clúster
    (Universidade de Santiago de Compostela, 2012) Dopico Parada, Ana; Rodríguez Daponte, Rocío; González Vázquez, Encarnación
    Nos últimos anos o sector empresarial veu realizando un crecente esforzo no desenvolvemento de políticas de “responsabilidade social empresarial” (RSE). Este comportamento susténtase na expectativa de que estas políticas melloran as relacións cos stakeholders –ou grupos de interese– e a reputación empresarial. Neste traballo dimensiónase a RSE utilizando o enfoque dos grupos de interese e aplicando unha análise clúster a unha mostra de empresas galegas. Como resultado identificamos catro segmentos de empresas que, unha vez caracterizados, proporcionan diversos modelos de resposta e implantación da RSE
  • Item type: Item ,
    Percepción empresarial da mellora do enlace ferroviario Vigo-Porto
    (Universidade de Santiago de Compostela, 2012) Sánchez Sellero, Francisco Javier; Cruz González, María Montserrat
    Este traballo céntrase na análise do emprego do ferrocarril por parte das empresas galegas, especialmente daquelas que realizan transaccións con operadores da outra parte da Eurorrexión. Unha vez subliñado o uso residual desta infraestrutura fronte ao emprego masivo do camión, analizamos os factores explicativos da elección modal e da ocasional substitución no uso das infraestruturas de transporte terrestre. O estudo estatístico complementou a referencia ás empresas representativas dos sectores industriais, que moven a meirande parte do valor das transaccións coas principais empresas consignatarias das liñas regulares desde o porto de Vigo ou cara a el. O gap que pretende cubrir este traballo é responder ás necesidades reais das empresas con respecto á mellora desta infraestrutura (segundo recolle a memoria do proxecto que lle dá cobertura ao traballo e que require a Consellería de Economía e Facenda), identificando modelos de preferencias dos potenciais usuarios, propoñendo dous modelos de ecuacións estruturais que explican a elección modal e a incidencia desta infraestrutura sobre esa substitución. Finalmente, chégase á conclusión de que tanto as empresas coma os operadores loxísticos valoran a necesidade da mellora das infraestruturas nese enlace, aínda que para todos eles sería máis prioritaria unha clara liberalización do mercado de operadores ferroviarios, xa que consideran que o actual servizo é moi deficiente. Neste punto, a sensibilidade ao cambio é maior nos operadores loxísticos que nas empresas
  • Item type: Item ,
    Perfil da vítima de mobbing en Galicia: especial atención ás diferenzas de xénero
    (Universidade de Santiago de Compostela, 2012) López Cabarcos, María Ángeles; Vázquez Rodríguez, Paula; Montes Piñeiro, Carlos; Universidade de Santiago de Compostela. Departamento de Organización de Empresas e Comercialización; Universidade de Santiago de Compostela. Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía
    Este traballo analiza o perfil da vítima de “mobbing” entre unha mostra da poboación asalariada de Galicia, prestándolles especial atención ás diferenzas de xénero. Neste sentido, os resultados mostran diferenzas significativas entre os homes e as mulleres en relación coa taxa de incidencia de “mobbing” e co tipo e gravidade das condutas sufridas. En concreto, as mulleres vense máis afectadas polos procesos de acoso psicolóxico que os homes, padecendo un maior número de condutas nocivas, pero de xeito menos intenso. No caso das mulleres, as condutas sufridas están máis relacionadas coa esfera persoal, mentres que os homes sofren condutas relacionadas co traballo. En ambos os dous casos, as vítimas sinalan a envexa como a causa do “mobbing”, optando por actuar de xeito pasivo ante os ataques do agresor ou da agresora, normalmente un/unha superior/a xerárquico/a
  • Item type: Item ,
    Proposta de fiscalización das rendas procedentes de primeira venda de fungos silvestres comestibles de interese socioeconómico
    (Universidade de Santiago de Compostela, 2012) Esteban Laleona, Sonia; Frutos Madrazo, Pablo de; Martínez Peña, Fernando
    Neste artigo analízase a forma na que a Axencia Tributaria podería regular a fiscalización das rendas provenientes da primeira venda de fungos silvestres comestibles de interese socioeconómico. A falta de adaptación da normativa actual ás características do suxeito pasivo está provocando unha bolsa moi importante de fraude fiscal, co que isto supón en relación coa ruptura dos principios xerais que deben rexer en materia tributaria. O modelo que se propón pretende corrixir esta disfuncionalidade xa que, por unha parte, a súa posta en funcionamento e o seu posterior control por parte da Axencia Tributaria é máis sinxelo que o actual e, por outra, xera importantes vantaxes para os recolledores en relación co modelo vixente, o que debería implicar unha menor resistencia a seren fiscalizados. Así, as simulacións realizadas constitúen un importante aforro fiscal para os recolledores comerciais habituais e, á vez, unha redución considerable das súas obrigas fiscais
  • Item type: Item ,
    A utilidade da información narrativa: análise do contido do informe de xestión
    (Universidade de Santiago de Compostela, 2012) Álvarez Domínguez, María América; Babío Arcay, María Rosario; Suárez Fernández, Óscar; Vidal Lopo, María Rosario; Universidade de Santiago de Compostela. Departamento de Economía Financeira e Contabilidade
    A investigación acerca da calidade da información narrativa é de sumo interese para os usuarios, os profesionais contables e os reguladores. Entre outras cuestións, o estudo dos contidos presentados actualmente, a súa utilidade ou as posibilidades de ampliación do contido informativo son importantes para o coñecemento dos factores que posibilitan a solución dos problemas de falta de relevancia da información financeira tradicional. Neste traballo tratamos de determinar se a información presentada polas empresas españolas é susceptible de satisfacer as demandas dos usuarios, e se cumpre coas indicacións e coas recomendacións de distintos organismos reguladores cara á consecución da súa maior utilidade. Os resultados obtidos non son optimistas. Obsérvase que a información é fundamentalmente histórica e que en xeral está pouco cuantificada. Ademais, en moitas ocasións limítase a repetir datos pouco importantes ou xa achegados noutros documentos, o que non só non mellora a calidade da información, senón que, pola contra, a empeora ao reducir a súa claridade