RT Dissertation/Thesis T1 Democracia e Cidadanía: unha aproximación ás concepcións políticas da Educación A1 Fuentes Laíño, Nicanor K1 Filosofía AB Dende os tempos non tan lonxanos de comenzos da década dos noventa, a filosofía política española experimentou unha substancial apertura cara ás temáticas relacionadas coa educación. O produto tanxíbel desta confluencia de filosofía política e educación plásmase nunha prolífica literatura que aborda dende múltiples ópticas as máis candentes problemáticas educativas. As cuestións relativas á educación adquiren cada vez máis protagonismo nos foros filosóficos e os filósofos deixan de percibir a educación como patrimonio case exclusivo de psicólogos, pedagogos e sociólogos. O redescubrimento da educación como un terreo expresamente fertilizado e cultivado pola filosofía impulsa aos filósofos a lanzarse con firme resolución á area mediática para participar no debate político en torno á educación. O tímido asexo de mala conciencia por incorrer en intrusismo profesional desbótase instantaneamente ao lembrar que os grandes pensadores abordaron en diferentes momentos do seu quefacer filosófico a temática educativa, temática que aparece e reaparece – unha e outra vez – como intermitente remake ao longo da historia da filosofía. A abundante produción de tratados pedagóxicos da máis variada natureza escritos por filósofos denota esta veterana preocupación do pensamento filosófico pola educación, e, en particular, o interese da filosofía política pola educación, precisamente, na súa vertente política.Sirvan estas liñas iniciais a modo de breve exposición de motivos para xustificar un traballo filosófico que pon o foco na educación, pero aínda quedan por contestar outras preguntas: ¿por que a filosofía política debe atender á educación?, ¿que significa abordar politicamente a educación?, ¿por que a educación merece ser obxecto de estudo dunha filosofía adxectivada como política?Hai que comezar por contestar a estas interrogantes dicindo, en primeiro lugar, que este traballo non constitúe unha reflexión filosófica sobre a educación dende o punto de vista antropolóxico. As pretensións desta investigación están lonxe de querer formular unha antropoloxía filosófica asentada sobre unha determinada visión apriorística ou esencialista da natureza humana a partir da cal deseñar – paralelamente – unha teoría filosófica da educación.Non se trata, pois, dun tratado de filosofía da educación stricto senso elaborada como meditación sobre o feito educativo en tanto que elemento fundamental na construción do ser humano; por tanto, a función da educación como peza clave da antropoxénese rebasa amplamente as intencións deste traballo. Como teremos ocasión de xustificar ao longo desta introdución xeral, os obxectivos céntranse máis ben na educación do cidadán; aproximarse á educación dende o enfoque da filosofía política implica substituír a categoría antropolóxica “home” pola categoría política “cidadán”, pero tampouco trataremos do cidadán en abstracto, senón que – en función dos diversos contextos discursivos – manexaremos diferentes formulacións da cidadanía. E posto que as principais pesquisas van orientadas na dirección da educación democrática, falarase, sobre todo, da cidadanía democrática.Achegarse á educación dende a filosofía política significa, en segundo lugar, poñer de manifesto a relación – máis ou menos explícita – que existe entre os modelos políticos e educativos elaborados polos filósofos; o sentido da investigación avanza da política cara á educación para facer visíbel o vínculo entre o deseño teórico dun determinado sistema sociopolítico e o seu correspondente ideario educativo. Trátase, pois, de amosar a conexión «políticaeducación » no plano do discurso político, da política pensada, para poñer sobre a mesa as consecuencias educativas que se derivan de determinadas concepcións políticas. En síntese, o que se persegue é poñer de manifesto as implicacións que para a formación da cidadanía comportan algunhas das máis destacadas teorías políticas da filosofía occidental.Á permanente tarefa de pensar, engádese a urxencia de pensar a educación no momento presente. Ao pensar a educación tratamos de elevar o labor docente por riba dunha simple técnica baseada no ensaio-erro para convertelo nun saber que – casando teoría e praxe – aspira a transcender o inseguro dominio da casuística. Así, o traballo cotián na aula dá o primeiro pulo á autorreflexión crítica que inquire acerca do que os profesionais do ensino estamos a facer cando tratamos de educar cidadáns; unha vez que nos paramos a pensar nas concretas estratexias de traballo de campo do ensino-aprendizaxe postas en marcha, xorde a inevitábel pregunta de se as prácticas educativas que desenvolvemos diariamente na aula contribúen realmente a formar aos escolares para a democracia. O acicate da propia experiencia profesional vese reforzado polos debates públicos en torno á educación que axudan a distanciarse da particular praxe docente para reflexionar máis amplamente sobre as políticas educativas en vigor. Pero a partir deste intre pasamos a pensar a educación, xa non como profesionais do ensino, senón máis ben como seres humanos dotados dunha irrenunciábel dimensión reflexiva que nos leva a preocuparnos pola educación, independentemente de que constitúa o ámbito do noso quefacer profesional; e dende esa mesma dimensión reflexiva incorporámonos aos debates políticos, non en calidade de ensinantes, ou de expertos, senón de cidadáns. A presenza da versión confesional da materia de relixión católica no ensino público, o debate sobre as Humanidades, os preocupantes índices de fracaso escolar, a disputa sobre cál debe ser a lingua vehicular do ensino nas comunidades autónomas con lingua propia, o plan Bolonia, a implantación da materia de “Educación para a Cidadanía”, o acoso escolar, a reforma das titulacións universitarias, o pacto pola educación, a carga lectiva das materias de Lingua Castelá e Historia de España nos currículos oficiais das comunidades históricas, ou a polémica en torno ao veo e os símbolos relixiosos na escola pública, son algúns dos máis destacados conflitos educativos que acaparan a atención das institucións políticas, os medios de comunicación e a opinión pública. Da man destes conflitos educativos, as específicas preguntas acerca das intervencións máis axeitadas para a formación dunha cidadanía democrática foron dando paso a reflexións de carácter xeral que levan a ter que interrogarmonos respecto do significado, a finalidade, o alcance, os contidos, as estratexias e os espazos da educación para a cidadanía. A toma de conciencia de que os conflitos educativos son o reflexo de intereses enfrontados que se dirimen no ámbito escolar dá lugar a unha primeira intuición que atravesa todas estas investigacións, a saber, o papel protagonista que debe desempeñar a deliberación pública na resolución dos desencontros en cuestións educativas. Non todos os conflitos existentes na sociedade deben ser resoltos xuridicamente, – isto é especialmente válido para os nosos desacordos en materia educativa –, é necesario deixar espazos para que a política democrática se exprese mediante a discusión e a toma colectiva de decisións; deste xeito, aparécese o propio proceso democrático de resolución de conflitos como unha parte esencial da educación cívica para a democracia.No momento presente, en que o ministerio e as consellerías das comunidades autónomas veñen de aplicar os novos currículos resultantes da última reforma parcial dos plans de estudo do ensino secundario, a educación cívica destácase como a materia que acapara o interese principal.No ámbito da formación cívica da cidadanía democrática cristalizan moitas das preocupacións dos lexisladores e dos expertos en cuestións educativas, pero incluso máis alá dos despachos oficiais, a incorporación da materia de “Educación para a Cidadanía” ás aulas provocou que o debate se trasladase á rúa, suscitando discusións e polémicas no seo da sociedade e ocupando un notorio espazo nos medios de comunicación social. Non resulta esaxerado afirmar que a educación cívica está de plena actualidade e, por extensión, a educación no seu conxunto; avalan esta información os numerosos estudos académicos que, baixo distintos rótulos, abordan a cuestión da educación democrática dende as máis diversas áreas, entre as que destacan as humanidades, as ciencias sociais e as novas tecnoloxías. Neste sentido, este traballo trata de sintonizar co «momento educativo» actual, tomándolle o pulso á temática educativa que nos tempos recentes suscitou un maior interese por parte da opinión pública.Aproximarse á educación cívica dende o enfoque da fílosofía política leva a ter que indagar sobre cáles son os principios reitores dunha formación dos cidadáns acordes co réxime político democrático; tal indagación conduce necesariamente á fundamentación normativa dunha política educativa democrática. A perspectiva dende a que nos achegaremos ao estudo da educación democrática ven coincidir, pois, co plantexamento dunha teoría política normativa que trata de combinar dúas dimensións de análise: a dimensión descritivo-explicativa lévanos a examinar os concretos conflitos educativos que teñen á escola pública como protagonista, en tanto que institución educativa politicamente máis significativa; a dimensión prescritivo-normativa encamiña o noso labor na dirección de proporcionar os criterios capaces de avaliar as institucións e políticas educativas para comprobar o seu grao de adecuación de cara á formación dunha cidadanía democrática. Deste xeito entramos no terreo da teoría política da educación democrática que busca converterse nunha análise descritivo-normativa que reflexiona dende a filosofía política acerca da situación e os requisitos da educación cívica democrática. Por este motivo, a teoría política da educación democrática aspira a dilucidar o sentido, finalidade, alcance, axentes, procedementos, contidos e espazos da formación cívica da cidadanía democrática. Por conseguinte, unha teoría política da educación democrática tratará de responder ao porqué, ao para qué, ao cánto, ao quén, ao cómo, ao qué e ao ónde da promoción de cidadáns democráticos.O porqué e o para qué gardan relación coa xustificación da educación democrática no tocante á definición do seu significado e obxectivos: ¿para que fai falla a educación cívica?, ¿por que é necesario formar cidadáns? O quén e o cánto remiten ás cuestións das axencias de socialización política encargadas da formación cívica e dos límites das súas competencias educativas. O qué conleva a reflexión acerca dos contidos específicos da educación democrática, isto é, respecto do modelo de cidadanía que se pretende fomentar e os valores e as virtudes que debe encarnar: ¿que significa ser bo cidadán?, ¿que valores deben ser promovidos nunha sociedade democrática?, ¿en que virtudes cívicas deben ser educados os cidadáns? O cómo da educación democrática plantexa entre outras, as seguintes interrogantes: ¿como se forma aos cidadáns?, ¿mediante que procedementos se transmiten as virtudes cívicas?, ¿como se inculcan os valores democráticos nos cidadáns? Finalmente, o ónde refírese aos ámbitos nos que preferentemente se debe desenvolver a educación cívica: ¿onde se adquiren as virtudes cívicas?, ¿cales son os espazos de formación da cidadanía?En resume, como afirma Martha Nussbaum, “debemos preguntarnos cómo debe ser un buen ciudadano de hoy y qué debe saber”, pero na medida en que a teoría política da educación democrática está interesada nas condicións de posibilidade e nas esixencias normativas da formación de cidadáns democráticos, necesita aclarar previamente o significado da democracia e da cidadanía; dado o seu estatus de teoría normativa, a teoría política da educación democrática precisa, á súa vez, tomar como referente un modelo normativo de democracia e de cidadanía. En definitiva, a pretensión de pensar politicamente a educación democrática obríganos indefectibelmente a ter que pensar a democracia e a cidadanía.Para pensar a democracia e a cidadanía será preciso establecer un diálogo crítico coas dúas grandes tradicións da teoría política que nos permitiron pensar o político, é dicir, o liberalismo e o republicanismo. Ámbolos dous discursos filosóficos fundamentan a nosa comprensión do político grazas á elaboración dunha terminoloxía que nos proporciona as ferramentas conceptuais para reflexionar politicamente; termos como Estado, sociedade civil, liberdade, dereito, igualdade, autonomía ou soberanía constitúen os tópicos habituais dende os cales pensamos a democracia e a cidadanía, pero cómpre examinar detidamente a nomenclatura política acuñada por liberais e republicanos, xa que as categorías fundamentais coas que pensan o político albergan significados diverxentes que cristalizan en dous modelos teóricos de democracia e de cidadanía.Para un traballo que centra o seu interese na educación democrática, as teorías políticas liberal e republicana cobran un especial valor na medida en que foron quen de formular as súas particulares concepcións políticas da educación de acordo cos seus correspondentes modelos de cidadanía e de democracia; de aí a importancia de ter aclarado previamente o sentido concreto da liberdade, do dereito, do político ou da relación sociedade-Estado sobre a que liberais e republicanos edifican as súas concepcións normativas da democracia, da cidadanía, e por suposto, da educación cívica. As concepcións políticas da educación poden ser definidas como aquelas teorías filosóficas que – partindo dos seus postulados acerca do Estado, da sociedade e do individuo – elaboran un programa de formación cívica da cidadanía máis ou menos sistemático. Con outras palabras, denominaremos concepcións políticas da educación a aquelas teorías filosóficas que desenvolveron – con maior ou menor extensión – as consecuencias educativas dos seus plantexamentos teóricos no ámbito político. Por atesourar importantes cavilacións en relación co papel da educación no espazo socio-político, liberalismo e republicanismo merecen a cualificación de concepcións políticas da educación; por este motivo, resulta proveitoso achegarse ás propostas de educación cívica formuladas por liberais e republicanos para facer explícitos os seus correspondentes proxectos de educación política da cidadanía. Pero este achegamento ás dúas correntes principais da teoría política ten que basearse nun diálogo crítico; isto significa amosar tanto os acertos como os puntos débiles ou os paradoxos que se atopan nas súas concepcións da democracia, da cidadanía e da educación cívica. Faise recomendábel, pois, someter a escrutinio os modelos teóricos cos que liberais e republicanos pensaron a Modernidade, para comprobar se seguen sendo válidos para afrontar os novos retos da democracia, da cidadanía e da educación actuais; con esta intención efectuaremos a revisión das propostas de cidadanía liberal e republicana para verificar o seu grao de concordancia cos tempos que corren, examinándoas á luz das realidades sociais imperantes, nomeadamente, a globalización, a secularización da sociedade, a multiculturalidade, as tecnoloxías da información e da comunicación, a inmigración, os novos movementos sociais, a crise económica e a debilitación do Estado de benestar. Esta análise crítica servirá como anticipo dunha avaliación pormenorizada das concepcións políticas da educación sostidas por liberais e republicanos dirixida a determinar o seu nivel de vixencia, asemade, a tentativa de arbitrar unha alternativa aos modelos teóricos de educación cívica liberal e republicana será de utilidade á hora de formular os principios normativos dunha teoría política da educación democrática.Democracia, cidadanía e educación configuran os tres conceptos clave que artellan temáticamente esta investigación. Estas nocións outórganlle á tese a súa estrutura e coherencia internas formando o fío condutor que – de principio a fin – atravesa todo o traballo. Non se trata de conceptos illados, como se fosen compartimentos estancos impermeabilizados, enón que, máis ben, constitúen categorías políticas intimamente imbricadas entre si, cuias interrelacións mutuas intentaremos poñer de manifesto. Por tanto, un dos obxectivos da investigación pasa inevitabelmente por rastrexar o significado destes termos facendo explícitas as súas conexións internas, pero esta análise do estado presente e pasado da cuestión en torno á democracia, á cidadanía e á educación incidirá, sobre todo, nas problemáticas; con esta intención presentaremos, por un lado, algúns dos máis frecuentados escenarios de debate teórico nos que estas categorías políticas son discutidas, e, por outro lado, poñeremos de manifesto as tensións que se derivan da confrontación do instrumental analítico elaborado por liberais e republicanos coas realidades sociais emerxentes; en suma, pretendemos facer visíbel – nunha panorámica xeral – o campo problemático no que se desenvolven diversos enfoques, modelos e interpretacións polícromas dos tres conceptos-guía do traballo. En consecuencia, os alicerces sobre os que se sustenta a investigación veñen a coincidir cos tres apartados temáticos nos que se dividen e á vez artellan estas prospeccións filosóficas na semántica plural da democracia, da cidadanía e da educación.Na parte titulada “Democracia” presentaranse os dous modelos de democracia subscritos polo liberalismo e o republicanismo facendo un seguimento das súas respectivas visións da liberdade e do dereito; non se trata, pois, de aproximarse á cuestión dende unha perspectiva historiográfica que expoña a xénese histórica da democracia sinalando os vaivéns polos que atravesou, tampouco se pretende facer un percorrido polos distintos modelos de democracia que se manexan no ámbito da filosofía política; centraremos a nosa atención preferente no liberalismo e no republicanismo para examinar a idea de democracia que resulta das súas correspondentes propostas. As diverxentes concepcións da liberdade e do dereito de liberais e republicanos repercutiron na elaboración de dous modelos diferenciados de democracia que acostuman seren bautizados como democracia protectora e democracia participativa. A pregunta clave deste primeiro apartado adicado a pensar a democracia é: ¿como se tematizan os conceptos de “protección” e “participación” nos discursos políticos liberal e republicano? A resposta conduciranos ás coñecidas distincións entre a liberdade negativa e a liberdade positiva, entre o dereito natural e o dereito positivo; nestas oposicións materialízanse dúas visións da democracia: unha liberal, que fai fincapé na defensa dos dereitos do individuo fronte ao poder do Estado, outra republicana, que resalta a implicación do cidadán no autogoberno da comunidade política.No segundo apartado temático, “Cidadanía”, responderemos á cuestión: ¿que significa ser cidadán? Esta interrogante levaranos a ter que penetrar nos paradigmas liberais e republicanos de cidadanía e tamén na xa clásica exposición de T. H. Marshall. Ao fío da presentación destas propostas tradicionais recolleranse os diferentes criterios de acceso á cidadanía – tales como o territorio, a filiación, a nacionalidade, etc. – que acostuman barallarse dende os diversos plantexamentos teóricos; teremos ocasión de comprobar cómo en función dos criterios de acceso xorden as máis variadas concepcións normativas de cidadanía, dende os modelos máis abertos de cidadanía inclusiva ate os modelos máis pechados de cidadanía exclusiva. Visitaremos tamén os actuais contextos de discusión nos que se debate e revisa o tradicional concepto de cidadanía dende os posicionamentos do feminismo e do multiculturalismo e a raíz da incidencia que a globalización ten sobre as democracias liberais. As insuficiencias dos modelos tradicionais para adecuar a noción de cidadanía ás novas realidades xurdidas da inmigración, da multiculturalidade, dos movementos sociais alternativos e da mundialización levan á aparición de innovadoras formulacións como, por exemplo, a cidadanía diferenciada, a cidadanía multicultural ou a democracia cosmopolita. A pregunta principal que atravesa toda esta sección é a seguinte: ¿como se conectan entre si as dimensións dos dereitos, da pertenza e da participación nun concepto normativo de cidadanía? (tres dimensións da cidadanía que son estandarte do liberalismo, o comunitarismo e o republicanismo).O terceiro e último apartado que leva por título “Educación” aborda o papel que xoga a educación na formación do cidadán. Comenzaremos por introducirnos no que anteriormente denominamos “concepcións políticas da educación” para – ao fío dos seus textos fundamentais – percorrer e expoñer as bases doutrinais dos modelos de educación cívica liberal e republicana. Neste exame das políticas educativas de liberais e republicanos repasaremos algúns dos seus tópicos máis coñecidos: a tensión entre cosmopolitismo e patriotismo, a controversia en torno ás virtudes cívicas, o conflito entre a patria potestas e a autoridade pública, o asunto da neutralidade do Estado, etc. Unha vez expostos os modelos educativos liberal e republicano procederemos a un exame crítico das súas teses en base ás acusacións e reproches que mutuamente se lanzan os seus máis destacados representantes; asemade, confrontaremos ambos programas de educación cívica coas realidades actuais para verificar ate qué punto seguen sendo válidos para encarar os desafíos educativos da sociedade do século XXI. Esta aproximación aos retos educativos do momento presente – que son o resultado da crecente complexidade da sociedade actual – permitirá que nos adentremos no ámbito da educación democrática; o obxectivo principal desta incursión nas actuais problemáticas educativas radica en ver as respostas que unha teoría política da educación democrática pode elaborar ante a globalización, a inmigración, as novas formas de relación persoal, familiar e social, o impacto educativo das novas tecnoloxías ou o crecente pluralismo das sociedades democráticas. En función deste marco de referencia que engloba as problemáticas e os conflitos educativos máis aguillantes tentaremos responder dende a teoría política da educación democrática ás preguntas que de xeito inmediato se deducen do proxecto de promocionar unha cidadanía democrática por medio da educación. PB Universidade de Santiago de Compostela. Servizo de Publicacións e Intercambio Científico SN 978-84-9887-616-1 YR 2011 FD 2011-06-23 LK http://hdl.handle.net/10347/3077 UL http://hdl.handle.net/10347/3077 LA glg NO FUENTES LAÍÑO, Nicanor: «Democracia e Cidadanía: unha aproximación ás concepcións políticas da Educación». Santiago de Compostela: Universidade. Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, 2011. ISBN 978-84-9887-616-1 DS Minerva RD 23 abr 2026